Filgueira e as letras 

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

17 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Con grande acerto, e en plena Ditadura, a Real Academia Galega acordou en 1963 celebrar o Día das Letras Galegas. Fíxoo para honrar a aquelas persoas que destacasen pola súa defensa da lingua galega, tanto na creación literaria como na investigación. O académico Filgueira Valverde, daquelas, explicouno á perfección, ao louvar unha iniciativa que pretendía que o conxunto do pobo galego coñecera a obra de quen intentara interpretalo e, nese camiño, recoñecerse a si mesmo, e gozar da inmensa riqueza da que somos donos achegándonos a ese fabuloso patrimonio universal.

Unha simple ollada á pedagóxica introdución de Xesús Ferro no libro Xosé Filgueira Valverde. O noso Adral, que hoxe distribúe La Voz de Galicia; ou unha máis pausada lectura á máis extensa e documentada biografía intelectual que vén de publicar o profesor Alonso Montero, dan boa conta dos merecementos de Filgueira Valverde para ser honrado co Día das Letras: tres libros, 13 artigos e 21 conferencias de media anual, constata Ferro, dedicados na súa inmensa maioría á lingua e á cultura de Galicia. Unha tarefa inxente tamén na construción de referentes institucionais, como lembraba o profesor Villares na presentación da fermosa reedición de Os nenos, editada polo Consello da Cultura: Seminario de Estudos Galegos e logo Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos; Museo de Pontevedra; primeiro conselleiro de Cultura da autonomía; segundo presidente do Consello da Cultura Galega; entre as que deixou maior pegada.

Foi neste segundo ámbito, o de construtor de referentes institucionais, no que algúns dos que formamos parte da xeración que chegou á maioría de idade xusto para votar no referendo do Estatuto de Autonomía do 21 decembro do 1980 coñecemos a Filgueira. Presidía entón a Fundación Alfredo Brañas, e desde ela promoveu os cursos de verán que se convocaron durante varios anos (como non, sendo iniciativa de Filgueira) no mosteiro de Poio. Filgueira era, para algúns de nós, unha mostra palpable máis de que Alianza Popular ía en serio no seu compromiso autonomista (tras o percorrido do Estatuto dos 16, que tan de preto vivín); ese compromiso que Fernández Albor salientou desde os primeiros parágrafos do seu discurso de investidura o 7 de xaneiro de 1982, recoñecendo o traballo dos que «contribuíron á defensa da identidade de Galicia» e «dun xeito especial» aos que «pola súa dedicación ao estudo da lingua, das artes, e da historia de Galicia, e pola súa entrega ás tarefas da vida pública, contribuíron ao progreso de Galicia e fixeron que a personalidade de Galicia poida discernirse claramente no conxunto dos pobos de España e do mundo». No ADN do Partido Popular de Galicia.

Entre os seus deseñadores, Filgueira, «grande humanista, honra da nosa cultura» (Manuel María, 1994), ao fronte da Consellería de Cultura e do Consello da Cultura. Cando o seu pasamento, en 1996, non só obtivo o recoñecemento da Galicia «oficial». Lois Tobío, o único que o sobreviviu de entre os fundadores do Seminario de Estudos Galegos, lamentou a perda dun amigo que, pese as diferenzas ideolóxicas «dedicou toda a súa vida por Galicia». Neira Vilas destacou o seu «profundo amor por Galicia e seu enorme rigor como investigador». García Bodaño afirmou que «difícil sería atopar calquera recanto da historia da patria galega no que a intelixente preocupación galeguista do pontevedrés non deixase unha lección amable». E Uxío Novoneyra, por citar a outro dos predecesores de Filgueira nas Letras, lamentou a morte do «maior sabio vivo co que contaba hoxe Galicia, un dos últimos grandes dunha xeira de fervorosos da nosa cultura».

Non todos recoñeceron os méritos de Filgueira, nin entón nin hoxe, facendo bo o tan hispano dito de Gracián: quen non ten inimigos é sinal de que non ten talento que faga sombra. A sombra do talento de Xosé Filgueira Valverde ben merece recoñecemento, por facernos gozar de moita da inmensa riqueza da que somos donos, e contribuír a recoñecernos nas nosas institucións autonómicas.